Saturday 18 de May de 2024

Sandra Insua mantivo unha reunión coa veciñanza da Ponte do Porto para tratar a situación do servizo de auga


O encontro estaba previsto que se celebrase no Centro Cultural pero, debido á elevada afluencia de xente, trasladouse ao exterior.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, mantivo onte unha reunión cos veciños e veciñas da Ponte do Porto para tratar a situación do servizo de auga xa que, a partir do 31 de agosto, deixará de prestar servizo a empresa ‘Aguas Vecinales de Ponte do Porto’.
Debido á importancia do tema a tratar, ao encontro, que se ía a celebrar no interior do Centro Cultural, asistiron máis de 150 persoas polo que tivo que levarse a cabo no exterior dun xeito improvisado.
E é que a parroquia da Ponte do Porto é a única de todo o municipio que aínda contaba cunha rede de auga veciñal polo que non todos os seus habitantes estaban conectados á rede municipal, que foi construída hai anos cun investimento de preto de un millón de euros.
A partir do 31 de agosto, data na que deixa de prestar o servizo a empresa, o Concello será o que asuma a xestión da auga na Ponte do Porto. Os interesados e interesadas en darse de alta na rede municipal só deben acudir á Casa do Concello xa que todos dispoñen nas súas casas das tubaxes e acometidas con con contador grazas a obra que levou a cabo o Concello hai 10 anos e que no seu momento supuxo un investimento de máis de un millón de euros.
Captación da Ponte do Porto

Na reunión de onte a rexedora tamén lles transmitiu á veciñanza que a intención do Concello de Camariñas é a de conseguir a concesión da captación que estaba a usar ‘Aguas vecinales de Ponte do Porto. Aínda así, matizou que o fará “sempre e cando non haxa ningunha asociación que o queira facer, se hai alguén interesado en prestar o servizo que viña facendo a familia De La Fuente o Concello non se interporá”.
Explicou que “se non aparece naide, o propio Concello solicitará a captación, que supón un trámite administrativo largo e, unha vez concedida, terá que acometerse unha importante obra para poder facer chegar a auga á ETAP e despois a todos os veciños. Isto suporá que, nun futuro, a auga do Concello
chegará dos mellores mananciais da zona: o embalse do Pichón e o manancial da Ponte do Porto”.
Trámites para darse de alta A documentación requirida para levar a cabo o trámite será simplemente o
recibo do IBI e o DNI do que vaia a ser o titular do servizo e o recibo da contribución da vivenda. Se neste último documento aparece un titular diferente ao que quere facer o novo contrato terán que acudir as dúas persoas. No caso de que o titular sexa unha persoa falecida tamén se deberá entregar a escritura notarial que certifica que esa persoa é propietaria desa vivenda.
No momento da alta cobrarase en total 144,82 euros, dos que 17,03 euros son polo abono ao servizo e 127,79 euros polos dereitos de acometida.
Mensualmente, polo aluguer de contador, establecerase unha taxa de 1,71 euros que fará 30,78 euros ao remate do ano. O consumo pasarase a final de ano e a lectura do contador será sempre de maio a maio.
Sandra Insua agradeceu especialmente “o trato e a compresión que amosaron ante a posición do Concello todos os veciños e veciñas que se achegaron ao centro cultural” e entende o seu malestar inicial xa que é coñecedora de que “era un servizo de auga moi querido na Ponte do Porto”.